fucsia

Planta dicotiledónea, xeralmente arbustiva, da familia das onagráceas, de follas caducas e flores colgantes moi vistosas, de cor rosa escura tirando a vermella, da que existen distintas especies

Etimoloxía

Palabra herdada do latín da ciencia fuchsia, nome outorgado á planta coma homenaxe ao botánico alemán L. Fuchs. O nome científico é Fuchsia magellanica.

Exemplos *

“A primavera atrasara, así que o verán chegou como un axitador urxido a Oulton Cottage. Rodeaba en festón a vivenda a modestia exuberante das fucsias, as que el chamaba flores xitanas, a abesullar polas ventás como prodixiosos lepidópteros .” (Manuel Rivas: Os libros arden mal, 2006)

“Algúns pés de acivros esténdense formando pequenos grupos. Os estripeiros, delatados polos froitos púrpura, fan o mesmo. A nota discordante e exótica, que me levan a recorda o lugar onde estou, póñena as Fucsias. A partir do límite ao que remata o piñeiral aparecen as carrouchas tapizando o solo.” (Agustín Agra: Círculo lítico, Revista Alameda, 38, 2010)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.