meme

No ámbito da socioloxía moderna aparece o termo meme para indicar a unidade mínima de transmisión cultural que se propaga entre os individuos. A cultura, segundo os autores das teorías sociobiolóxicas, é o produto dunha serie de pílulas informativas mínimas que se pasan entre os membros dunha comunidade. Isto pode facerse por aprendizaxe social mediante imitación ou por asimilación. A evolución dunha cultura ten o seu garante nestas abondosas unidades mínimas, que se van herdando en número suficiente para garantir a continuidade da transmisión cultural, ao tempo que se desbotan as inexactas.

Meme é un vocábulo de orixe anglosaxoa, creado en 1976 por Richard Dawkins, quen tentou conscientemente que gardase certo parecido formal con xene, ao entender que os memes para a cultura son os equivalentes aos xenes para a bioloxía. Así mesmo, o lexema relaciónase co grego mimema que significa ‘algo imitado’ e tamén, en certa medida, co latín memorare, porque a difusión cultural é posible grazas a que os memes son memorizados e difundidos por imitación de individuo a individuo. No Dicionario galego das TIC aparece definido como a “unidade mínima de transmisión cultural que se transmite dun individuo a outro”; e engádese unha nota informativa interesante: “aplícase principalmente ao ámbito das bitácoras e microbitácoras”.

Na actualidade, os memes asumiron unha acepción vencellada coas brincadeiras na rede, xa que son imaxes, vídeos, anacos de texto etc., de contido humorístico, que se copian e difunden, ás veces con pequenas variacións, podendo chegar a funcionar dun xeito viral. Gatiños poñendo caras, un vídeo dun descoñecido maltratando unha coñecida melodía ou unha famosa nun acto público tendo un despiste imperdoable, cos que podemos botar unhas risas ou acabar odiando o mundo, segundo o día que teñamos. Por dicilo dun xeito autóctono, sonche ciber-charabiscas ou simplemente charabiscas, que como se explica no DRAG son aqueles “ditos ou feitos dirixidos a alguén para rirse e divertirse, pero sen intención de molestar”.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir